Instalan módulos para aumentar o espazo lectivo e mellorar a seguridade sanitaria no EEI Crespo Rivas

Pontevedra
14 de xaneiro 2021

Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, supervisaba este mércores esta obra na que se investiron máis de 36.400 euros. Trátase dunha estrutura prefabricada de máis de 60 metros cadrados para impartir clases de educación infantil

Visita de Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta, á ampliación do EEI Crespo Rivas
Visita de Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta, á ampliación do EEI Crespo Rivas / Xunta de Galicia

A Escola de Educación Infantil ( EEI) Concepción Crespo Rivas de Pontevedra incrementou o seu espazo lectivo grazas á instalación de módulos prefabricados para gañar unha aula e ofrecer máis garantías de seguridade sanitaria ante posibles contaxios por covid-19 entre a comunidade educativa.

As obras foron realizadas con fondos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade cun investimento de 36.414 euros. Este mércores, Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra achegábase polas instalacións, acompañada polo xefe territorial de Educación César Pérez Ares.

A actuación permite crear unha nova aula con aseo grazas á instalación dunha estrutura prefabricada a partir de catro módulos cunha superficie de 61 metros cadrados, que se atopa acondicionada para impartir as clases e permitirá liberar espazos no interior do edificio do colexio.

Construíuse unha base de formigón, coa instalación da estrutura modular e a instalación de servizos de fontanería, electricidade e saneamento. Tamén se incrementou a beirarrúa do patio, construíuse unha rampla de acceso e un novo portal na zona do muro que fora derrubada polas obras. A estrutura conta cunha porta dobre e xanelas  correderas permitindo a súa ventilación. Tamén conta cun aseo con aire acondicionado no que se atopan dous lavabos e dous inodoros.

Este espazo destinarase a impartir Atención Educativa, Relixión, Psicomotricidade e agrupamentos flexibles de materias como Matemáticas, Huerta ou atencións individualizadas de estudantes con necesidades específicas de apoio educativo.