Instalar medidas de protección nas varandas de valos e pavillóns, demanda do PSOE de Marín

Marín
26 de novembro 2022

"É a nosa responsabilidade evitar que estes golpes poidan ter consecuencias graves para os deportistas, principalmente nenos, que adestran e xogan alí a diario", asegura o socialista Diego González

Consecuencias dun golpe cunha varanda nun pavillón de Marín
Consecuencias dun golpe cunha varanda nun pavillón de Marín / PSOE de Marín

O Partido Socialista de Marín volveu poñer o foco nas medidas de seguirdad das instalacións deportivas municipais, en concreto no que respecta a as varandas que rodean os pavillóns da Cañota e Sequelo e tamén o campo de fútbol de San Pedro.

O perigo que supón a pouca distancia cos valos foi alertada no seu momento cando se produciu a mellora de San Pedro, e agora foi levada de novo ao Pleno Municipal.

"É moi habitual que se produzan golpes contra as estruturas e as varandas que perimetran os espazos deportivos como consecuencia da súa proximidade á zona de xogo. É a nosa responsabilidade evitar que estes golpes poidan ter consecuencias graves para os deportistas, principalmente nenos, que adestran e xogan alí a diario", defende o socialista Diego González.

No que respecta a San Pedro, con espazo nas instalacións, recomendan ampliar a separación coa varanda, mentres que nos pavillóns "buscamos solucións e comprobado, tras analizar en profundidade o tema, que existen diversas marcas que comercializan estas proteccións e que están especialmente deseñadas para o seu uso en espazos deportivos".

González rogou que se acometan melloras respecto diso "o máis axiña posible antes de que ocorra unha desgraza".