Instan a Educación a aclarar o futuro do IES Frei Martín Sarmiento

Pontevedra
16 de marzo 2022

Os insistentes rumores que apuntan a unha reconversión do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra nun centro integrado de formación profesional, o que eliminaría os estudos de ESO e Bacharelato no centro, preocupan cada vez máis á comunidade educativa

IES Frei Martín Sarmiento
IES Frei Martín Sarmiento / Mónica Patxot

Os insistentes rumores que apuntan a unha reconversión do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra nun centro integrado de formación profesional, o que eliminaría os estudos de ESO e Bacharelato no centro, preocupan cada vez máis á comunidade educativa.

A inspección educativa, segundo denuncia o PSdeG-PSOE, educativa "xa advertiu sobre a posibilidade de suprimir estes estudos para ampliar a oferta de FP" pero, oficialmente, a dirección do instituto non ten coñecemento do plan previsto pola Xunta.

De aí que a deputada Paloma Castro presentara unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a abandonar a súa "falta total de transparencia" e confirmar que manterá a oferta educativa actual neste instituto pontevedrés.

"Esta incerteza está a afectar a moitas familias", subliña Castro, xa que recorda que, na actualidade, o Frei Martín Sarmiento conta con 480 alumnos nestas liñas educativas.

Os pais e as nais dos estudantes "dubidan en matricular os seus fillos nun centro que pode non ter continuidade", lamenta a deputada socialista. A isto se suma a situación duns 40 membros do profesorado que, no caso de finalizar a oferta de ESO e Bacharelato, terían que trasladarse.

O PSdeG-PSOE pídelle á Xunta que busque unha alternativa "máis axeitada" para ampliar a oferta de FP na cidade e que informe á dirección do IES Frei Martín Sarmiento, á maior brevidade, sobre o plan de oferta educativa previsto para os vindeiros anos.