Integrantes da Plataforma 'Non á Ampliación' preparan as alegacións á reforma da depuradora de Praceres

Pontevedra
06 de xaneiro 2020

Estas alegacións serán presentadas ante a Xunta e ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Entre outros puntos, reclaman á administración autonómica a realización dun Estudo de Impacto Ambiental

Integrantes da plataforma 'Non á Ampliación' asinan as alegacións á ampliación da depuradora de Praceres
Integrantes da plataforma 'Non á Ampliación' asinan as alegacións á ampliación da depuradora de Praceres / Plataforma 'Non á Ampliación'

Residentes da parroquia de Lourizán participaban o sábado 4 na asemblea veciñal convocada pola Plataforma 'Non á Ampliación' na que se prepararon as alegacións que se van a presentar ante a Xunta de Galicia e ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica co obxectivo de paralizar o proxecto de ampliación da depuradora dos Praceres.

Estas alegacións asinaranse tanto por diversas asociacións da parroquia como a título individual e xa, durante a asemblea, numerosas persoas mostraron os escritos para alegar e algúns dos asistentes aproveitaron a ocasión para asinalas.

Entre as alegacións figuran cuestións, xa presentadas polo Concello de Pontevedra, como a petición dun modelo de saneamento da ría que sexa máis sustentable e máis "racional", de forma que evite concentrar todas as augas residuais industriais e urbanas de ata cinco municipios na depuradora de Lourizán, nunha infraestrutura situada sobre un banco marisqueiro e nuns terreos de dominio público marítimo terrestre, cunha cota de menos dun metro sobre o nivel do mar.

Os integrantes da Plataforma denuncian que a Xunta pretende levar adiante este proxecto sen realizar antes o Estudo de Impacto Ambiental. Ademais alégase que a proposta da administración autonómica contempla a construción dun campo de fútbol incumprindo a Lei de Costas.

Ademais, afirman que a Xunta de Galicia realiza unha avaliación do impacto paisaxístico, sinalando que é reducido, baseándose nunha infografía realizada polos propios servizos do executivo galego.

Desde a Plataforma fan un chamamento a toda a veciñanza que estea en contra deste proxecto a que se somen para evitar a posta en marcha deste proxecto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora