A Concellaría de Servizos Urbanos Básicos iniciou unha actuación para solucionar o mal estado das beirarrúas en dous puntos da cidade.
Segundo informa o Concello, nos últimos días iniciáronse traballos de reparación e melloras das beirarrúas tanto na Avenida de Compostela como na Rúa Domingo Fontán.
Estas actuacións, asegura o goberno local, teñen como obxectivo solucionar as deficiencias detectadas no pavimento e garantir a seguridade dos peóns.
No que respecta á Avenida de Compostela, recentemente transferida ao Concello por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, os operarios están a intervir en toda a beirarrúa, que se atopaba en mal estado, levantada e insegura debido á invasión da maleza.
Actualmente a zona de actuación é o tramo pegado ao campus universitario.
Neste lugar a decisión técnica adoptada consistiu na retirada de dúas filas de laxas, aproveitando que a amplitude das beirarrúas permite manter un espazo seguro para os viandantes.
Pola súa banda en Domingo Fontán procedeuse a arranxar as laxas levantadas como consecuencia das choivas do pasado inverno.
"Aínda que non sexan obras de gran relevancia social, é certo que melloran substancialmente a vida diaria da veciñanza, a calidade de vida dos barrios e a imaxe da cidade en xeral", destacou sobre esta intervención o concelleiro Xaquín Moreda.
