A patrulla fiscal e de fronteiras da Garda Civil de Pontevedra (PAFIF) interveu 1.573 litros de aceite de oliva procedentes de Portugal por irregularidades na súa etiquetaxe ao carecer de rexistro sanitario así como de certificado de rastrexabilidade.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, a investigación xorde por mor dunha información do Posto de Cambados sobre unha posible fraude na comercialización de aceite de oliva nunha empresa de Ribadumia dedicada á distribución de alimentos.
O pasado 12 de marzo os axentes inspeccionaron o almacén da empresa onde interviñeron 1.200 litros de aceite. O responsable da empresa manifestou á Garda Civil que procedía doutra de Portugal que o envasa coas etiquetas que lle facilitaron, aínda que descoñece a localización exacta da mesma.
Tras revisar a etiquetaxe os axentes observaron varias irregularidades, tales como que non consta denominación de orixe ou país de procedencia, non consta campaña de recolección, non ten un número de rexistro sanitario, non constan datos de contacto da empresa responsable do envasado. En definitiva, a etiquetaxe induce a erro, facendo supoñer aos consumidores que se trata de aceite de oliva portugués, cando non se acredita.
A patrulla da Pafif o día 14 procede á inspección da empresa distribuidora noutro almacén de Poio, onde se interveñen outros 300 litros polas mesmas irregularidades.
Posteriormente inspecciónanse tres supermercados de Poio, onde se interveñen 73 botellas máis.
Por iso efectúanse distintas denuncias por infraccións á calidade alimentaria, por irregularidades na etiquetaxe que se envían ás Consellerías de Sanidade e Consumo para que procedan a analizar este aceite, que ao non ter tampouco un certificado de rastrexabilidade xa que se descoñece de onde vén poidan decidir se se procede á súa destrución, así como á Consellería do Medio Rural.
Realízase unha denuncia por non declarar o IVE nunha importación intracomunitaria a Aduanas e Impostos Especiais. As sancións poderían superar os 20.000 euros.