Intoxicada unha persoa en Marín, tras incendiarse a cociña da vivenda

Marín
18 de febreiro 2018

Unha persoa foi trasladada ao centro de saúde da vila con síntomas de intoxicación debido ao fume rexistrado na súa vivenda a medianoite. O incendio foi causado por unha tixola que se atopaba ao lume

Rúa Jaime Janer, en Marín
Rúa Jaime Janer, en Marín

Ao redor das 00.30 horas desta noite do sábado ao domingo, un veciño alertaba ao 112 Galicia ante a presenza dun incendio nunha cociña dunha persoa residente no mesmo edificio da rúa Jaime Janer en Marín. 

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias ( CIAE) 112 Galicia alertábase aos Bombeiros do Morrazo que se desprazaron de inmediato ata o lugar. Tamén se trasladou a información aos Bombeiros de Pontevedra, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Os axentes da Policía Local, unha vez que chegaron á vivenda, comprobaron que unha tixola quedara ao lume provocando unha gran cantidade de fume. Os residentes foron desaloxados da vivenda por precaución, segundo a información facilitada polo 112 Galicia.

Foi necesario trasladar a unha persoa ao centro de saúde con síntomas de intoxicación debido á forte presenza de fume na vivenda.

Os bombeiros do Morrazo lograron apagar o lume e sinalaron que as lapas provocaron o incendio dunha pota, da campá extractora da cociña e dos mobles situados nesa dependencia.