Investigadores da Escola de Forestais analizan o potencial do eucalipto para a produción de mel

Pontevedra
09 de decembro 2019

En Galicia existen máis de 4.000 apicultores, están rexistradas máis de 160.000 colmeas e prodúcense máis de 2.000 toneladas de mel ao ano

Os investigadores do grupo AF4: Manuel Viso, Sergio Lamosa, Paula Rivas i Enrique Valero
Os investigadores do grupo AF4: Manuel Viso, Sergio Lamosa, Paula Rivas i Enrique Valero / DUVI

En Galicia existen máis de 4.000 apicultores, están rexistradas máis de 160.000 colmeas e prodúcense máis de 2.000 toneladas de mel ao ano. Estes son algúns dos datos, procedentes de diferentes fontes, que investigadores do grupo AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal reuniron nun informe dirixido a compilar toda a información existente sobre a produción apícola na comunidade autónoma e a incidencia que nesta pode ter o eucalipto.

Segundo explica no Diario da Universidade de Vigo o investigador principal do grupo, Enrique Valero "o estudo trata de ver cal é o potencial das especies forestais na produción melífera en Galicia, do que se sabe moi pouco".

Tras esta análise inicial, explica, o seu obxectivo será agora coñecer a capacidade de producir pole e néctar dos eucaliptos, dado o seu adiantado e longo período de floración, e máis en concreto do Eucalyptus nitens, unha especie presente en zonas con maior altitude.

Xunto a Valero, os estudantes da escola Manuel Viso e Sergio Lamosa e os tamén investigadores do grupo AF-4 Xana Álvarez, Francisco Abilleira e Fátima Otero participaron na elaboración deste estudo, que tiña como obxectivo "coñecer onde estamos, saber cal é a situación da apicultura, as especies forestais melíferas e do eucalipto en particular, para a partires de aí saber que faría falta estudar", como sinala Viso.

Nese senso, Valero pon o acento en que en Galicia "existen especies cuxa contribución á produción melífera é moi importante, como por exemplo o castiñeiro", o breixo, o érbedo ou a "primeira árbore que florece no ano", o eucalipto, cuxo período de floración pode prolongarse "ata catro meses", contribuíndo así a que as poboacións de abellas "se mostren activas moi cedo, despois da quenda de hibernación e desenvolvan colonias fortes ao inicio da primavera".

O estudo tamén aborda a distribución xeográfica da avespa velutina, cuxa "afectación nas colmeas está a ser absolutamente demoledora".

Tamén destaca que a maior parte dos apicultores en Galicia non son profesionais e obteñen "unha produción de mel relativamente baixa, pero de excelente calidade, extremadamente apreciada fóra da nosas terras".

Ourense é a provincia con maior número de colmeas, máis de 70.000, e maior produción de mel, 1.062 das 2.285 toneladas producidas en 2017. Lugo, con máis de 45.000, é a segunda provincia con maior produción, mentres que Pontevedra e A Coruña reúnen preto de 20.000 colmeas.