Investigados dous mozos por denunciar o roubo dunha tableta que en realidade perderan

O Salnés
04 de xuño 2019

Unha moza de 25 anos denunciou na Comisaría que foi vítima dun roubo con violencia e que o obxecto subtraído fora unha tableta propiedade da súa parella. Máis tarde recoñeceu que era unha denuncia falsa para tentar que o seguro lle reintegrase un dispositivo que extraviara nun mercadillo 

Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa
Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa / Cristina Saiz

A Policía Nacional de Vilagarcía tomou declaración en calidade de investigadas a dúas persoas que se terían confabulado para presentar unha denuncia falsa polo roubo dunha tableta que en realidade extraviaran. 

Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, os dous investigados son parella. Unha moza de 25 anos denunciou na Comisaría de Vilagarcía que fora vítima dun roubo con violencia e que o obxecto subtraído fora unha tableta propiedade da súa parella. 

Os feitos sucederon o día 29 de maio. A agora investigada denunciou que camiñaba pola rúa ás 1.15 horas da madrugada cando foi abordada por un individuo que lle subtraeu a tableta que levaba na man de forma violenta tras propinarlle un empuxón.

Por mor da denuncia os axentes iniciaron as investigacións para o total esclarecemento dos feitos e citaron de novo na Comisaría á presunta vítima. Na súa declaración, a moza recoñeceu presentar unha denuncia falsa para tentar que o seguro lle reintegrase a tableta, xa que semanas atrás extraviábaa nun mercadillo.

A Policía Nacional lembra que a simulación de delito é unha infracción tipificada no Código Penal que consiste en denunciar ser responsable ou vítima dunha infracción penal inexistente e que é frecuente que persoas que incorren neste delito teñan que responder penalmente por iso

Ademais, indican que esas denuncias falsas causan en ocasións graves prexuízos no labor policial, cuxos axentes teñen que afrontar as pescudas dos feitos denunciados, perturbando deste xeito o normal funcionamento das unidades de investigación.

As causas máis frecuentes polas que se denuncia unha falsa infracción son variadas, ben para presentar a denuncia ante o seguro correspondente e deste xeito obter un beneficio económico, ou ben para ocultar un alto gasto económico non xustificado ou unha perda ante un familiar que non ten coñecemento do devandito feito, ou mesmo unha simple broma ou temor polas posteriores reprimendas. Este é o caso, sobre todo, dos menores de idade.