A Garda Civil investiga penalmente a unha veciña de Mieres (Asturias) como presunta autora dunha estafa que sufriu un veciño de Meaño despois de adiantar o importe da compra de computador a través de internet.
As investigacións iniciáronse o pasado mes de febreiro cando este veciño de Meaño denuncia no Posto da Garda Civil de Pontevedra que non recibira un computador que comprara a través de internet, a pesar de que cumprira o acordo pactado de adiantar o importe que ascendía a 350 euros.
As pescudas para o esclarecemento da presunta estafa levaron aos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo á identificación da presunta autora na Comunidade Autónoma de Asturias.
Trátase dunha muller de 32 anos, con antecedentes policiais e veciña da localidade de Mieres, foi localizada e notificada como investigada polos compoñentes do Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil na súa mesma localidade, como presunta autora dun delito de estafa e usurpación de identidade, había conta de que, para ocultar a súa identidade, estaba a utilizar a conta corrente dun mozo que se atopaba en prisión.
As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Cambados (Pontevedra), onde deberá comparecer a persoa investigada cando sexa requirida pola autoridade xudicial.