Investigan dúas persoas como presuntas autoras dun incendio forestal en Marín

Marín
09 de decembro 2016

No que levamos de ano a Policía Autonómica xa investigou ou detivo un total de 66 persoas por delitos relacionados con incendios nos montes galegos

Queima de restos agrícolas
Queima de restos agrícolas

Axentes da Policía Autonómica de Pontevedra informaron da investigación de dous varóns como presuntos autores dun incendio forestal ocorrido o pasado 3 de decembro no Concello de Marín.

Na investigación contouse coa colaboración dos axentes medioambientais da Brigada de Investigación de Incendios Forestais (BIIF) da Consellería de Medio Rural.

O lume investigado tivo lugar na parroquia de Ardán, e afectou unha superficie de 800 metros cadrados de superficie arborada. O incendio produciuse cando os investigados se atopaban facendo unha queima de restos forestais.

Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Marín.

Na actual campaña antiincendios de 2016 a Policía Autonómica xa leva investigadas ou detidas a 66 persoas por delitos relacionados con incendios forestais.