O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, deu conta da aprobación dun proxecto para a mellora patrimonial do Castelo de Soutomaior a través da iluminación, a accesibilidade e a tecnoloxía de realidade virtual.
Trátase dun investimento de máis de 2,5 millóns de euros para a mellora do uso turístico en Bens de Interese Cultural (BIC) a través dunha convocatoria de axudas do Ministerio de Industria e Turismo con fondos NextGeneration da Unión Europea.
Segundo explicou na súa comparecencia, a Xunta de Goberno Provincial deste venres deu o visto e prace a acometer unha serie de reformas e adecuacións pola deterioración das instalacións eléctricas e das iluminacións.
Tamén se substituirá a escaleira de caracol da Torre de Homenaxe e porase en marcha un proxecto de visitas virtuais, tanto do castelo como os seus xardíns.
O goberno provincial tamén acordou na reunión de hoxe destinar 50.000 euros para a proxección do videomapping na fachada do castelo en Nadal.
TURISMO E DEPORTE
Luís López tamén destacou a aprobación dunha serie de iniciativas enmarcadas nas áreas de turismo e deporte e que comparten sinerxías.
Por exemplo, acordouse destinar 60.000 euros para 12 clubs deportivos e asociacións que organizarán eventos relacionados co deporte e que fomenten a actividade física en disciplinas como trail, natación, golf, vela, tenis, fútbol sala ou taekwondo.
Recibirán achegas de entre 450 e 9.000 euros estas entidades de concellos como A Guarda, Baiona, Cangas, Mondariz, Nigrán, Ponteareas, Sanxenxo, Tui e Vigo.
Outras 18 entidades sen ánimo de lucro de 14 concellos recibirán achegas de entre 800 e 5.500 euros, para organizar eventos como mostras, festas gastronómicas, de Nadal, rutas, festivais, congresos ou festas históricas. A cantidade total consignada para estas subvencións é de 80.000 euros.
A Deputación tamén recibiu unha achega de máis de 120.000 euros do Ministerio de Turismo para impulsar o proxecto "Praias sen límite. Experiencias turísticas atemporais para reducir a estacionalidade". En concreto, a administración provincial aposta por un turismo familiar para gozar das praias coas mascotas e tamén planifica o desenvolvemento de rutas de sendeirismo costeiras.
Luís López tamén anunciou o convenio coa Fundación Rapa das Bestas de Sabucedo para a creación dunha plataforma museográfica virtual para a súa posta en valor. Este acordo, dotado de 220.000 euros, inclúe a instalación de 61 elementos de sinaléctica intelixente nos itinerarios pedestres, posta en marcha dun software na nube e creación de contidos vinculados a Rápaa.
Por último, o presidente provincial deu conta do programa de axudas para deportivas olímpicos e paralímpicos que achegará un total de 125.000 euros aos 24 representantes pontevedreses en París 2024, que recibirán 5.200 euros cada un.
CAMPAMENTOS A LANZADA E + XUNTAS
A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou este venres as bases do programa +Xuntas que promove 207 talleres dirixidos a entidades sen ánimo de lucro da provincia que teñan como ámbito de actuación a promoción das mulleres.
Tamén foron aprobadas as bases dos campamentos A Lanzada de 2025 que terán 1.540 prazas distribuídas en 11 quendas dunha semana entre o 22 de xuño e o 6 de setembro.