O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro, acompañados polo director de obra Oscar Pidre e o enxeñeiro de COVSA José Moro visitaron o vial de acceso á Revolta que será obxecto dunha mellora integral desta estrada que se atopa con graves problemas de seguridade vial por mor da presenza de zonas deterioradas e con baches.
Esta actuación terá un investimentos de 105.167,16 euros e está incluída dentro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra asignado ao Concello de Cerdedo-Cotobade.
Segundo manifestou o alcalde, Jorge Cubela "deste xeito daremos resposta a unha petición veciñal ao mesmo tempo que melloramos a accesibilidade ao núcleo da Revolta gañando en seguridad para o propio vial. Así, ademais de mellorar o firme tamén se construirá un novo muro de contención que substituirá ao existente, xa moi deteriorado ", indicou o rexedor.
FESTAS DE VIASCÓN
Por outra banda, o alcalde e membros da Comisión de Festas de Viascón presentaron o programa festivo que na honra a Santiago Apóstolo terá lugar os días 24, 25 e 28 de xullo.
O protagonismo musical correrá a cargo da orquestra La Ola ADN e o trío Xtra que serán os encargados de amenizar durante a noite do mércores 24 de xullo o campo das festas de Viascón.
O xoves, día 25, será cando se viva con maior fervor relixioso a xornada festiva que contará cunha misa solemne ás 13 horas na igrexa parroquial de Viascón seguida de procesión acompañada pola Charanga Charandonga.
A celebración das festas prolongaranse ata o domingo 28 de xullo coa celebración dunha misa solemne ás 12:45 horas. De seguido, haberá sesión vermú amenizada polo Mariachi Noche de Ronda.
ESCOLA DE MÚSICA TRADICIONAL
Ademáis, os Abrentes de Cerdedo inauguran a súa Escola de Música Tradicional na que impartirán clases de pandeireta, tambor, bombo e gaita. As clases estarán impartidas por Gabriel Pazos Bugallo, actual presidente da Asociación e darán comezo en outubro.