O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou en Cuntis o proxecto de rehabilitación integral do CPI Aurelio Marcelino Rey García, que contará cun investimento autonómico de 1,1 millóns de euros.
A obra, enmarcada no plan de nova arquitectura pedagóxica, renovará cubertas, fachadas e carpintarías para lograr aforros do 57,6% en consumo enerxético e do 61,4% en emisións de CO2.
O Concello valora esta actuación, pero reclama "intervencións críticas que comprometeron anteriormente coa comunidade educativa".
Neste sentido, o rexedor, Manuel Campos, reclamou a inclusión de melloras en "sistemas interiores que seguen obsoletos" como é o caso da caldeira, a rede de fontanaría e o sistema de calefacción.
O goberno local tamén instou á consellería a traballar de forma coordinado co Concello e a evitar o uso partidista de actuacións que "son froito da demanda constante de toda a comunidade educativa de Cuntis".

O proxecto está actualmente en fase de contratación e terá nove meses para executarse desde o momento en que se inicien os traballos.
A actuación renovará toda a envolvente. No caso da cuberta, instalaranse 1.869 metros cadrados de panel sándwich e la de roca, substituíndo canlóns e baixantes. Tamén se cambia a cuberta no patio posterior e sanéase a súa estrutura.
No que atinxe ao illamento pola fachada, realízase mediante inxección en cámara no edificio e no comedor con perlas expandidas EPS e aplicando sistema SATE na parte que foi ampliada, un total de 2.097 metros cadrados.
A carpintería exterior (130 fiestras e 11 portas) múdase por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade e cámara de aire intermedia. Inclúese a substitución das persianas e caixas.
A rehabilitación integral inclúe, igualmente, actuacións no interior do centro, como a instalación de 515 luminarias LED e focos exteriores ou a substitución do pavimento vinílico nas aulas de Infantil.
Tamén se cambiará o falso teito da área da antiga vivenda do conserxe, que hoxe acolle almacéns e a aula de convivencia inclusiva, e do comedor.
Ao acto celebrado no centro educativo asistiron o conselleiro Román Rodríguez, o alcalde Manuel Campos, a tenente de alcalde Conchy Campos, as concelleiras Isabel Couselo e María Castro, o director Miguel Andújar e representantes da ANPA.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.