Irlanda escolle Pontevedra como caso de estudo e análise

Pontevedra
03 de outubro 2023

Dúas investigadoras da Universidade de Dublín están a visitar a Boa Vila desde este luns, enviadas pola Autoridade de Seguranza Viaria Irlandesa

O alcalde recibe ás investigadoras da Universidade Tecnolóxica de Dublín
O alcalde recibe ás investigadoras da Universidade Tecnolóxica de Dublín / Mónica Patxot

O Goberno de Irlanda seleccionou ao Concello de Pontevedra como caso de estudo polo seu modelo de mobilidade: quere coñecer os mecanismos de redución do tráfico que se aplicaron na Boa Vila e levar as recomendacións pontevedresa até Irlanda para, de ser posible, adaptalas e aplicalas no seu país.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Mobilidade, César Mosquera, e os directores xerais, Jesús Gómez Viñas e Daniel Macenlle, recibiron este martes a dúas investigadoras da Escola de Arquitectura, Construción e Medio Ambiente da Universidade Tecnolóxica de Dublín enviadas pola Autoridade de Seguranza Viaria irlandesa (RSA) co fin de intercambiar coñecemento.

A parella de investigadoras leva desde o luns coñecendo a cidade, comentando as súas positivas impresións e destacando como a teoría "foi transformada en realidade". Na actualidade, a Road Safety Authority (RSA) está a realizar un informe para mellorar a seguranza viaria para as persoas no país gaélico.

Segundo o explicado polas investigadoras, a Estratexia de Seguranza Viaria do Goberno (2021-2030) pretende estudar diversos casos en países que adoptaron mecanismos para reducir o tráfico retirando automóbiles das zonas urbanas co propósito de comprender enfoques que poderían adoptarse en Irlanda, revisar os procesos para poñer en marcha esas políticas, e avaliar resultados cando estean dispoñibles, ademais de incluír recomendacións para a súa consideración.