Irmandade Illa de Tambo pide un plan integral de investigación e protección do enclave

Poio
17 de xuño 2026

O colectivo solicitou á Xunta que asuma un papel máis activo na xestión da illa mientra critica a actuación do Concello de Poio, ao que acusa de falta de interese

Excavacións realizadas na illa de Tambo
Excavacións realizadas na illa de Tambo / Concello de Poio

A asociación Irmandade Illa de Tambo reclamou ás administracións unha actuación máis decidida para a conservación e posta en valor da illa tras ter acceso ao informe das escavacións arqueolóxicas realizadas o pasado mes de decembro.

O colectivo sostén que os resultados confirman a relevancia histórica e patrimonial do enclave, onde se identificaron vestixios que abarcan desde a prehistoria até épocas máis recentes.

Segundo explica a entidade, o documento foi consultado a través da Xunta despois de que, aseguran, non obtivesen resposta do Concello de Poio ás súas peticións de información sobre os traballos arqueolóxicos.

A asociación considera que os achados apoian as investigacións que vén desenvolvendo desde hai anos sobre o valor histórico da illa.

Entre os elementos destacados figuran restos construtivos vinculados a un asentamento castrexo e posteriormente romanizado.

O informe tamén recolle evidencias dunha antiga capela, entre elas pezas de pedra pertencentes a un arco de medio punto, un achado que, segundo a asociación, podería estar relacionado coa expansión do cristianismo na zona durante os séculos V e VI. Nas inmediacións tamén se localizaron estruturas defensivas ou de protección.

Os traballos permitiron ademais documentar materiais arqueolóxicos de distintas épocas, como fragmentos cerámicos, gravados en pedra, muros de pedra seca, restos asociados a posibles espazos rituais e núcleos de sílex.

A Irmandade Illa de Tambo asegura ter identificados polo menos 26 puntos de interese patrimonial repartidos pola illa, entre eles o emprazamento do antigo mosteiro benedictino, as edificacións do antigo lazareto e diversas construcións históricas.

Á vista destes resultados, a asociación defende a necesidade de impulsar un plan integral de investigación arqueolóxica e conservación, similar aos desenvolvidos noutros espazos protexidos de Galicia. O obxectivo sería avanzar na recuperación do patrimonio histórico e na protección ambiental do enclave.

Así mesmo, o colectivo solicitou á Xunta que asuma un papel máis activo na xestión da illa.

A entidade critica a actuación do Concello de Poio, ao que acusa de falta de interese e de incumprir diversas medidas relacionadas coa protección ambiental, a seguridade das visitas e a conservación do espazo.

Entre as cuestións sinaladas figuran a ausencia de determinadas figuras de protección, a falta de execución de plans de prevención e emerxencia, a deterioración de infraestruturas como o peirao de acceso ou elementos de sinalización, así como deficiencias na conservación de áreas naturais sensibles.

A asociación sostén que, tres anos despois da firma do convenio entre o Concello de Poio e o Ministerio de Defensa para a apertura pública da illa, continúan pendentes actuacións que consideran prioritarias.

Por iso, a Irmandade Illa de Tambo insiste na necesidade de adoptar medidas urxentes para garantir a preservación dun espazo que considera de gran valor histórico, cultural e ambiental para Galicia.