O portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Iván Puentes alertou do risco de perder os 25 millóns de euros comprometidos por Transición Ecolóxica para Pontevedra se non hai un ministerio "socialista".
Segundo lembrou Iván Puentes, o Goberno de España destinará 25 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation a financiar as iniciativas da estratexia Pontevedra Flúe que inclúen a renaturalización completa do paseo do río Lérez entre a Ponte dos Tirantes e a AP-9 en ambas as beiras, a restauración e mellora ecolóxica e paisaxística de toda a Xunqueira de Alba, a rehabilitación da parcela situada diante do Pavillón dos Deportes e a recuperación da antiga parcela do campo de fútbol de Ponte Sampaio.
O Concello deixou contratada a redacción dos proxectos de obra de Xunqueira de Alba e de Ponte Sampaio para entregar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e que os poida licitar, contratar e executar, pero Iván Puentes advirte de que "non escoitei ningún compromiso do Partido Popular a través deste proxecto Pontevedra flúe".
Por iso, Puentes conclúe que "terá que haber un Ministerio de Medio Ambiente socialista para garantir de verdade e que non corra ningún tipo de risco ese investimento de 25 millóns de euros en Pontevedra que van transformar urbanisticamente a cidade".
Iván Puentes fixo estas declaracións no transcurso dun acto de precampaña electoral no que o cabeza de lista do PSOE ás xerais do 23 de Xullo pola provincia de Pontevedra, David Regades, compareceu ante a oficina da Seguridade Social xunto a outros candidatos para destacar que o apoio do Partido Socialista ás persoas pensionistas que lles permite "cobrar la pensión más alta de los últimos años".
Regades destacou que "gracias al Gobierno presidido por Pedro Sánchez" revalorizáronse un 8,5% as pensións no que constitúe a súa maior subida histórica e faino, ademais, "garantizando por ley el poder adquisitivo de las pensiones conforme el IPC" e "asegurando su sostenibilidad y futuro".