O sábado 28 de xaneiro está previsto un acto na Praza da Ferrería para presentar a Iván Puentes como candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Pontevedra.
A cita iniciarase ás 12.00 horas e contará coa presenza do secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso. Tamén acudirá, entre outros cargos do partido, a secretaria xeral da Agrupación Municipal Socialista, Maica Larriba.
O lema será 'A Pontevedra que vén' e o acto suporá o inicio da campaña socialista para a cita coas urnas o 28 de maio. Iván Puentes afirma que afronta uns comicios "moi ilusionantes" e afirma que os socialistas "temos posibilidades reais, tanxibles, ao alcance da man, de dar o "sorpasso" e de liderar o cambio en Pontevedra".
Asegura que o proxecto de Lores está "absolutamente esgotado" e que "non existe ningunha enquisa que lle dea nin a máis mínima posibilidade ao candidato do PP" mentres que considera que o PSOE, segundo as sondaxes, continúa crecendo de maneira sostida.
O actual portavoz socialista na corporación municipal espera que "Pontevedra deposite a súa confianza nun alcalde socialista" como sucede "noutras grandes cidades de Galicia". A esta presentación, segundo indica o PSdeG-PSOE, asistirán tamén outros alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia.