Jacobo Moreira cre que "o PSOE é prisioneiro da connivencia que tivo no pasado co BNG"

Pontevedra
10 de marzo 2017

O presidente local do Partido Popular en Pontevedra e portavoz municipal, Jacobo Moreira, valorou este venres a petición realizada polo Grupo Socialista sobre o cese do concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González

Jacobo Moreira e Agustín Fernández dialogan antes do comezo do Pleno Municipal
Jacobo Moreira e Agustín Fernández dialogan antes do comezo do Pleno Municipal / PontevedraViva

O presidente local do Partido Popular en Pontevedra e portavoz municipal, Jacobo Moreira, cre que o PSOE "é prisioneiro da connivencia que tivo no pasado co BNG e agora non é libre para criticar".

Moreira valorou este venres a petición realizada polo grupo socialista sobre o cese do concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, e preguntou por que os socialistas "se limitan a alertar só" da prórroga para a concesionaria do servizo de auga "e sen embargo mantéñense en silencio" á hora de falar da prórroga á empresa encargada do servizo de recollida de lixo.

Jacobo Moreira lembra que no contrato do lixo "estamos a abonar" os custos de amortización de vehículos e maquinaria que xa son propiedade do Concello de Pontevedra dende o ano 2011.

Neste sentido, ao edil popular chámalle a atención que os socialistas manteñan un "mutismo absoluto sobre o contrato do lixo. Máxime cando os socios de goberno do BNG non votaron a favor da última prórroga do contrato de lixo".

O portavoz dos populares insistiu en que "durante anos vimos denunciando todos estes contratos e sempre atopabámonos coa oposición do PSOE cando estaba no goberno".

Finalmente Jacobo Moreira ofrécelle aos concelleiros do Partido Socialista a posibilidade de facer uso dos artigos 139 e 140 do regulamento orgánico do pleno e das súas comisións do Concello de Pontevedra para que, tanto o edil do BNG como o servizo de Intervención comparezan na Comisión de Economía e Facenda para tratar estas dúas prórrogas.

"Teñen toda a nosa disposición para articular esas investigacións no seno da Comisión de Economía e Facenda, que preside o PP", sentenciou o portavoz popular.