Dos podios de medio mundo ao balcón de Mugartegui. O triatleta Javier Gómez Noya aparcará por un día a súa faceta deportiva para converterse no próximo pregoeiro das Festas da Peregrina. "Poucas persoas teñen os méritos del para ser o pregoeiro", dixo o alcalde, que explicou que este acto será tamén unha homenaxe que lle brindará toda Pontevedra, a súa cidade de acollida dende hai trece anos.
Despois de varios intentos previos, falidos por problemas de axenda, Gómez Noya dará o próximo 8 de agosto o pregón das festas patronais de Pontevedra. "É o primeiro pregón que dou", afirmou o triatleta, que recoñece que para el será "chocante" subir ao balcón de Mugartegui ao estar afeito á súa actividade deportiva. "É unha gran responsabilidade e unha presión, pero ao mesmo tempo é unha honra e estou moi agradecido", afirmou.
Tras competir a próxima fin de semana en Río de Janeiro, cidade na que intentará lograr a clasificación para os Xogos Olímpicos de 2016, o atleta decidiu renunciar a unha concentración que ía celebrar en altura para poder estar en Pontevedra para dar o pregón. E é que asegura, ten que agradecer moito á cidade do Lérez "porque dende o principio aquí se me tratou moi ben, mesmo cando non se me coñecía aínda".
Javi Gómez Noya afirmou estar "encantado" de vivir en Pontevedra, localidade onde ten fixada a súa residencia e o seu centro de operacións e onde adoita traer de forma habitual triatletas de todo o mundo para adestrar con el.
Para poder dar o pregón, o triatleta fará un breve parón nos "dous meses máis importantes do ano" para poder estar en Pontevedra nesa data. Por agora, di, non ten claro como será o seu discurso "salvo algunhas ideas". Terá, en todo caso, un marcado carácter deportivo como non podería ser doutro xeito.
Por iso, Miguel Anxo Fernández Lores non dubidou en sinalar que cos seus éxitos deportivos posiciona internacionalmente a Pontevedra "ao mesmo nivel que o noso modelo urbano". É, segundo Fernández Lores, o pregoeiro "máis internacional" que tiveron as Festas da Peregrina en toda a súa historia, un "orgullo" segundo o alcalde e que deixa, concluíu, "o listón moi alto para o ano que ven".