Javier Olleros, un "activista do verde" premiado como Cociñeiro do Ano en Madrid Fusión

O Salnés
01 de xuño 2021

Madrid Fusión, un dos cumes gastronómicos máis importantes do mundo, dedicou a súa decimonovena edición á gastronomía circular e, por iso, decidiu premiar nesta ocasión a cociñeiros que traballan desde hai anos nunha cociña baseada no mundo vexetal

Javier Olleros (segundo pola dereita) xunto os gañadores do Premio Cociñeiro do Ano
Javier Olleros (segundo pola dereita) xunto os gañadores do Premio Cociñeiro do Ano / Madrid Fusión

O pontevedrés Javier Olleros, responsable do restaurante Culler de Pau (O Grove), foi un dos oito cociñeiros de toda España que, por primeira vez, compartiron o premio Cociñeiro do Ano que se entrega anualmente en Madrid Fusión.

Madrid Fusión, un dos cumes gastronómicos máis importantes do mundo, dedicou a súa decimonovena edición á gastronomía circular e, por iso, decidiu premiar nesta ocasión a cociñeiros que traballan desde hai anos nunha cociña baseada no mundo vexetal.

Xunto a Olleros, o único cociñeiro galego que foi galardoado, foron recoñecidos con este premio Andoni Luís Aduriz, Rodrigo de la Calle, Ricard Camarena, Xavier Pellicer, Ignacio Echapresto, Fernando del Cerro e Luis Callealta.

Considerado como un dos premios máis relevantes de Madrid Fusión, o Premio Cociñeiro do Ano recoñece a distintiva achega dun chef á gastronomía e nesta ocasión recollérono oito dos máximos representantes da cociña vexetal.

"Son cociñeiros que durante moitos anos defenden a cociña vexetal e as raíces e todo o que representa", asegurou o presidente de Madrid Fusión, José Carlos Capel, ao anunciar os nomes dos gañadores, aos que cualificou de "activistas do verde".