Javier Olleros, un "activista do verde" premiado como Cociñeiro do Ano en Madrid Fusión

O Salnés
01 de xuño 2021

Madrid Fusión, un dos cumes gastronómicos máis importantes do mundo, dedicou a súa decimonovena edición á gastronomía circular e, por iso, decidiu premiar nesta ocasión a cociñeiros que traballan desde hai anos nunha cociña baseada no mundo vexetal

Javier Olleros (segundo pola dereita) xunto os gañadores do Premio Cociñeiro do Ano Madrid Fusión

O pontevedrés Javier Olleros, responsable do restaurante Culler de Pau (O Grove), foi un dos oito cociñeiros de toda España que, por primeira vez, compartiron o premio Cociñeiro do Ano que se entrega anualmente en Madrid Fusión.

Madrid Fusión, un dos cumes gastronómicos máis importantes do mundo, dedicou a súa decimonovena edición á gastronomía circular e, por iso, decidiu premiar nesta ocasión a cociñeiros que traballan desde hai anos nunha cociña baseada no mundo vexetal.

Xunto a Olleros, o único cociñeiro galego que foi galardoado, foron recoñecidos con este premio Andoni Luís Aduriz, Rodrigo de la Calle, Ricard Camarena, Xavier Pellicer, Ignacio Echapresto, Fernando del Cerro e Luis Callealta.

Considerado como un dos premios máis relevantes de Madrid Fusión, o Premio Cociñeiro do Ano recoñece a distintiva achega dun chef á gastronomía e nesta ocasión recollérono oito dos máximos representantes da cociña vexetal.

"Son cociñeiros que durante moitos anos defenden a cociña vexetal e as raíces e todo o que representa", asegurou o presidente de Madrid Fusión, José Carlos Capel, ao anunciar os nomes dos gañadores, aos que cualificou de "activistas do verde".