A Fiscalía pide 14 anos de cárcere para un acusado de tentar asasinar á súa ex parella cunha lanza

Pontevedra
22 de xuño 2026

O procesado acudiu ao domicilio da muller portando unha estaca rematada cun obxecto punzante tipo lanza, varias armas brancas artesanais e un recipiente con gasolina

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará este martes, 23 de xuño, un home para o que a Fiscalía solicita 14 anos e seis meses de prisión por un presunto delito de asasinato en grao de tentativa. O Ministerio Público sostén que o acusado tentou acabar coa vida da súa ex parella sentimental, coa que mantivera unha relación de máis de 38 anos e tiña tres fillos en común, todos eles maiores de idade.

Segundo recolle o escrito de acusación, os feitos ocorreron sobre as 20.00 horas do 15 de xuño de 2025 nunha vivenda de Vigo. A Fiscalía afirma que o procesado acudiu ao domicilio da muller coa intención de matala, portando unha estaca rematada cun obxecto punzante tipo lanza, unha "pata de cabra", varias armas brancas artesanais e un recipiente con gasolina.

O relato do Ministerio Público sinala que, unha vez no lugar, o acusado comezou a gritar ameazas de morte á vítima. Posteriormente, forzaría a porta principal utilizando a "pata de cabra" e, tras empuxala con forza, iniciou a agresión. Sempre segundo a acusación, cravou en varias ocasións o obxecto punzante á muller mentres lle dicía expresións como "vouche a matar" e "filla de puta, aínda te defendes".

A Fiscalía sostén que a vítima tentou protexerse, pero que o acusado logrou golpeala na cabeza coa ferramenta metálica, deixándoa aturdida no solo. Aproveitando esa situación, volvería a apuñalala por detrás cando xa se atopaba tendida boca abaixo.

Como consecuencia da agresión, a muller sufriu múltiples lesións compatibles cun ataque con arma branca, entre elas unha fractura vertebral, unha laceración no ril esquerdo clasificada como trauma renal de grao III, feridas no coiro cabeludo, lesións nun brazo e diversas contusións.

O escrito subliña que a localización anatómica e a profundidade das feridas xeraron un risco vital para a prexudicada. Ademais das secuelas físicas, a Fiscalía destaca o intenso sufrimento moral derivado da agresión e da reiteración de golpes potencialmente mortais.

A vítima permaneceu ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro desde o día dos feitos até o 25 de xuño de 2025.

O acusado atópase en prisión provisional desde a súa detención. Dous días despois dos feitos, o 17 de xuño de 2025, acordouse o seu ingreso en prisión comunicada e sen fianza, medida que continúa vixente.

A Fiscalía destaca ademais que o procesado conta con antecedentes penais computables a efectos de reincidencia. Entre eles figura unha condena ditada en 2003 por un delito de homicidio, pola que cumpriu unha pena de 11 anos de prisión, extinguida en 2014. Posteriormente foi condenado por delitos de ameazas, furto e condución con perda de vixencia do permiso.