A organización do festival BigSound suspendeu a actuación do cantante Beret programada no evento que se celebrará durante os días 17 e 18 de xullo no Parque de Tafisa.
A decisión fíxose pública mediante un comunicado no que a empresa promotora sinala que a medida se toma "tras avaliar as circunstancias actuais", e engade que traballa nunha nova incorporación para o cartel.
Esta resolución derívase da recente detención do músico, Francisco Javier Álvarez Beret, como presunto autor dunha agresión sexual denunciada no mes de abril en Sevilla.
O investigado compareceu ante a autoridade xudicial, onde se acolleu ao seu dereito a non declarar, e atópase en liberdade provisional con medidas cautelares.
O xulgado impuxo ao intérprete a retirada do pasaporte durante tres meses e a prohibición de comunicarse ou achegarse a menos de 500 metros da denunciante.
A oficina de representación do artista emitiu un comunicado no que nega a autoría dos feitos atribuídos e avanza a posibilidade de emprender accións civís e penais contra quen formule ou difunda acusacións falsas.
O festival BigSound Pontevedra, que celebra a súa segunda edición cun cartel que inclúe a artistas como David Bisbal, Nathy Peluso, Maria Becerra e Ana Mena, prevé anunciar proximamente o nome do músico que substituirá o solista andaluz.
O cantante sevillano actuara en Pontevedra en 2019 cun concerto gratuíto na Praza de España que se converteu no máis multitudinario das Festas da Peregrina dese ano.