Jean-Pierre Raffarin, ex primeiro ministro francés: "Tedes unha visión moi humana da mobilidade"

Pontevedra
24 de novembro 2015

O modelo urbano de Pontevedra segue acaparando a atención de importantes personalidades. O último en desfacerse en eloxios para a cidade do Lérez foi o ex primeiro ministro francés Jean-Pierre Raffarin. "Os meus amigos de Pontevedra teñen un mérito supremo por entender que a mobilidade debe ser un elemento estratéxico nas cidades intelixentes", afirmou en exclusiva aos xornalistas pontevedreses desprazados a Hong Kong

Encontro de Miguel Anxo Fernández Lores con Jean-Pierre Raffarin en Hong Kong
Encontro de Miguel Anxo Fernández Lores con Jean-Pierre Raffarin en Hong Kong / PontevedraViva

O modelo urbano de Pontevedra segue acaparando a atención de importantes personalidades. O último en desfacerse en eloxios para a cidade do Lérez foi o ex primeiro ministro francés Jean-Pierre Raffarin. "Aprecio moito o traballo que facedes en Pontevedra porque tedes unha visión moi humana da mobilidade", sinalou o dirixente galo minutos antes da inauguración do China International New Energy Vehicles.

Este evento, que se está celebrando estes días no Asia World Expo de Hong Kong, é un salón que combina as últimas novidades do sector do automóbil coa promoción da mobilidade intelixente nas cidades de Europa e Asia. E nel, a Fundación Prospectiva e Innovación, unha organización francesa presidida na actualidade polo propio Raffarin, entregou ao alcalde o premio Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China 2015.

Para o ex primeiro ministro francés, actualmente presidente da comisión de Asuntos Exteriores e Defensa no Senado do seu país, Pontevedra representa o "humanismo municipal", segundo explicou aos xornalistas pontevedreses desprazados a Hong Kong. Todo iso, sinalou, por investir a tendencia e poñer ao peón como eixo central da política de mobilidade na cidade. 

"Os meus amigos de Pontevedra teñen un mérito supremo por entender que a mobilidade debe ser un elemento estratéxico nas cidades intelixentes. Debemos centrarnos na mobilidade do peón e na humanización das cidades", afirmou Jean-Pierre Raffarin respecto do modelo urbano aplicado na capital pontevedresa. "A vosa experiencia, é unha experiencia de gran calidade humana", engadiu.

"É moi importante que Europa non se esqueza da costa atlántica, sempre están mirando cara o leste", sinalou o ex primeiro ministro francés

Raffarin -que estivo á fronte do executivo francés entre 2002 e 2005- lamentou con todo que moitos expertos e cidades que están a avanzar neste ámbito social entendan unicamente as 'smart-cities' (cidades intelixentes) como un desenvolvemento das novas tecnoloxías ao servizo dos cidadáns, "deixando a un lado o contacto" entre a xente "que é o que debería ser importante nas nosas cidades".

Ademais, o político francés aproveitou para darlle un tirón de orellas á Unión Europea. Tras lembrar a unión que existe entre Francia e Galicia ao pertencer ambas as rexións á costa atlántica do vello continente reclamou que as autoridades europeas lles demostren unha maior atención porque "sempre están a mirar cara o leste e é moi importante que Europa non se esqueza da costa atlántica, teñen que mirar máis cara ela".

Jean-Pierre Raffarin fixo estas declaracións tras o encontro que mantivo este martes en Hong Kong co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, co que departiu durante uns minutos, e o resto dos representantes das cidades europeas e chinesas premiadas este ano co premio Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China 2015, entre elas tamén Barcelona.