"Jeux d'enfants", elixida a mellor proposta da ruta das tapas cinco estrelas

Bueu
17 de setembro 2018

A tapa elaborada polos fundadores do local Volver faise co premio tanto por parte do xurado profesional como o do público. Así mesmo, Elisa Sánchez Ríos resultou elixida no sorteo dunha cea para dúas persoas nun dos locais participantes

Gañadores da Ruta das Tapas Cinco Estrelas
Gañadores da Ruta das Tapas Cinco Estrelas / Concello de Bueu

"Jeux d’enfants", a tapa elaborada polo local Volver, foi elixida, tanto polo xurado profesional como polo público, como a gañadora da Ruta das Tapas Cinco Estrelas, unha iniciativa organizada por terceiro ano consecutivo entre a concellaría de promoción económica e o FICBUEU. Así o anunciou este luns o director do festival, Manuel Pena, quen estivo acompañado por Fidel Castro, edil de obras e servizos.

Ademais, neste acto que tivo lugar na Sala Domínguez Búa (onde se localizou o punto de encontro de diversas actividades do festival), sorteouse a cea para dúas persoas, cuxa beneficiaria é Elisa Sánchez Ríos. Este sorteo realizouse entre todas as persoas que entregaron as súas papeletas seladas polos establecementos participantes.

Na ruta deste ano, que se celebrou entre o 7 e o 16 de setembro, participaron catorce establecementos: A Centoleira propuxo "Titanic", A Cepa "Pradolongo", Aturuxo BOK presentou "O bosque animado", A Esmorga "Jiro, dreams of sushi", a Cafetería Centro Social, "Fariña", Noite Tapas, "O mapa dos sons de Tokio", O Pazo, "Patton", O Ratiño Pequeno, "Death proof", Casa Quintela, "Jurassic World", El Reloj, "In time", Volver, "Jeux d’ enfants", O Farol, "Call me by your name", Rosalinda, "Tres estaciones" e La Perfecta, "Charlie y la fábrica de chocolate".

Os petiscos tiñan un prezo de 2 euros.

Esta iniciativa naceu xa fai tres anos como unha fórmula para unir o cine coa gastronomía.