O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, cargou este martes duramente contra cargos orgánicos e institucionais do PSOE, aos que acusa de realizar "movementos" para "tratar de paralizar e rebentar" a rehabilitación integral dos Baños do San Xusto.
Cubela non detallou cales serían eses movementos, pero si revelou que dispón de varias informacións que demostran que algúns cargos orgánicos e institucionais do PSOE están a actuar contra unha obra "histórica" iniciada hai tres meses e financiada integramente pola Xunta de Galicia con 680.000 euros ao abeiro do primeiro Pacto pola Paisaxe de Galicia. Segundo denuncia, están actuando "partidistamente" para tratar de empañar este proxecto e mesmo interrompelo.
O rexedor sinala que non entende esta forma de actuar "agás que o seu único propósito sexa tapar as súas propias carencias e xestión ineficaz ou ben activar o modo campaña electoral que agora, por motivos obvios, está lonxe de ser unha cuestión de interese". Ve nestas "manobras" un "ataque lamentable ao noso concello que ademais non vai conseguir o seu propósito".
O rexedor quixo lembrar que o proxecto dos Baños do San Xusto e o seu financiamento a cargo da Xunta ao abeiro do Pacto pola Paisaxe de Galicia tivo, no momento da súa aprobación, a participación directa e o respaldo absoluto da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) –presidida polo alcalde socialista do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e con maioría socialista na executiva– polo que non se entende que agora, bastante tempo despois, "xurdan estes movementos entre bambalinas doutros cargos socialistas que só tentan frear o progreso do noso municipio por unha envexa insana".
Finalmente, Cubela cualificou de "curioso e sintomático destes escuros intereses" contra o proxecto dos Baños do San Xusto e o Concello de Cerdedo-Cotobade que se estean a empregar institucións alleas á orde xurisidiccional "porque saben que aí non ten percorrido" e que se salten as entidades galegas "semella que buscando a un compañeiro de siglas para obter un ditame ad hoc".