Jorge Cubela, escollido por unanimidade como candidato do PP a renovar o mandato

Cerdedo Cotobade
08 de decembro 2022

Luis López, presidente provincial do PP, presidía a reunión do comité executivo local que tomou a decisión co obxectivo de revalidar a maioría absoluta en Cerdedo-Cotobade nas eleccións municipais de maio de 2023

Jorge Cubela será candidato do PP á alcaldía de Cerdedo-Cotobade en 2023
Jorge Cubela será candidato do PP á alcaldía de Cerdedo-Cotobade en 2023 /

A executiva local do Partido Popular de Cerdedo-Cotobade decidía, por unanimidade, que Jorge Cubela opte á reelección como alcalde do municipio nos próximos comicios municipais previstos para maio de 2023.

Luís López, presidente provincial do PP; Luisa Piñeiro, secretaria xeral; e o ex alcalde de Cerdedo, Silvestre José Balseiros, participaron neste encontro. 

Cubela leva doce anos á fronte da alcaldía e manifestou a súa intención de revalidar os resultados para obter a cuarta maioría absoluta e "dar continuidade ao gran proxecto que temos" asegurando que se está producindo unha "transformación moi importante a nivel de infraestruturas e de servizos" no municipio.

Agradeceu tamén o "apoio constante" tanto do seu equipo como da veciñanza. "Son un alcalde de San Xurxo, que vive e fai vida aquí", explicou para insistir en que quedan proxectos fundamentais que se están xestionando e aos que quere dar continuidade.

Luís López destacou a dilixencia, proximidade e xestión de Cubela citando arranxos de pistas, acondicionamentos de centros sociais, melloras en centros educativos e recuperación de valor patrimonial, entre outros obxectivos alcanzados. Ademais tamén se referiu ao "magnífico traballo" que o candidato popular realiza como portavoz do grupo provincial do PP na Deputación de Pontevedra.