Jorge Cubela saca peito do papel do termalismo en Fitur: "O turismo pode ser unha panca de cambio positivo"

Cerdedo-Cotobade
22 de xaneiro 2025
Actualizado: 18:33

O alcalde defendeu a activación dos Baños de San Xusto como elemento fixador de poboación e xerador de fontes de riqueza para avanzar cara un modelo sostible a nivel social, económico e medioambiental

Intervención de Jorge Cubela en FITUR
Intervención de Jorge Cubela en FITUR / Concello de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade cobrou este mércores protagonismo na Feira Internacional de Turismo FITUR a través do seu alcalde e deputado provincial, Jorge Cubela, que realizou unha intervención en calidade de vicepresidente segundo da Rede de Vilas Termais, ante touroperadores e profesionais turísticos.

O alcalde defendeu o papel do termalismo para dinamizar localidades. "O traballo que realizamos na Rede de Vilas Termais é un claro exemplo de como o turismo pode ser unha panca de cambio positivo", indicou. 

Tamén indicou que "cada vez máis, estamos a converternos nun sector que non só atrae turistas, senón que xera benestar, cohesión social e un desenvolvemento equilibrado para as nosas localidades".

Presentou unha ponencia no stand de Turespaña, defendeu a actividade termal e puxo como exemplo toda a tramitación e posta en marcha dos Baños de San Xusto como aposta turística estratéxica do concello de Cerdedo-Cotobade. 

Cubela tamén defendeu este proxecto de San Xusto como elemento fundamental para fixar poboación, xerar novas fontes de riqueza e avanzar cara un modelo sostible tanto a nivel social, económico e medioambiental.

Ademais, sinalou que o termalismo xera nos municipios emprego directo e indirecto a través dos balnearios, a hostalería, a restauración e os servizos asociados, preserva a cultura e tradicións dos pobos e protexe o medio no que se desenvolve.

O turismo termal tamén ten, segundo as súas palabras, "unha capacidade única para xerar experiencias singulares, fomentando o benestar das persoas, o tratamento de patoloxías, a relaxación, a conexión coa natureza e a interacción co municipio e a súa contorna".

A Rede de Vilas Termais, fundada no ano 2001, aglutina a 78 entidades locais e abandeira o Proxecto de Experiencias Turismo de España, outorgado ás dúas redes turísticas da FEMP e financiado con Fondos Europeos.

Este proxecto, segundo explicou, "pretende reflectir a aposta decidida por transformar as nosas localidades en destinos de excelencia, combinando sustentabilidade, innovación e un forte compromiso co legado que deixamos ás futuras xeracións".-