Jorge Cubela insiste en que a situación orzamentaria da Deputación é "preocupante"

Pontevedra
15 de setembro 2023

O portavoz do goberno provincial saíu ao paso das declaracións do grupo socialista nas que aseguraban que había preto de 200 millóns de euros en caixa. "Ese dato refírese ás existencias ou valores da Deputación, nada ten que ver co crédito dispoñible no orzamento, que é o que marca os fondos dispoñibles", asegura Cubela

Jorge Cubela, portavoz do grupo provincial do PP na Deputación de Pontevedra
Jorge Cubela, portavoz do grupo provincial do PP na Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O portavoz do goberno da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, saíu ao paso das declaracións do grupo socialista nas que aseguraban que había preto de 200 millóns de euros en caixa da institución provincial.

O socialista Carlos López Font argumentou que a acta de arqueo reflicte uns fondos de 196.127.662 euros dispoñibles, pero "ese dato refírese ás existencias ou valores da Deputación, nada ten que ver co crédito dispoñible no orzamento, que é o que marca os fondos dispoñibles", asegura Cubela mantendo que a situación é "preocupante".

Segundo o representante popular o PSOE "quere confundir a cidadanía. Non quedan máis argumentos que acudir a estas truques para defender a súa pésima xestión económica".

Sinala Jorge Cubela que os datos da avaliación interna que manexan reflicten que moitas partidas orzamentarias están case esgotadas. Así no capítulo destinado a subvencións para gastos correntes da área de Cohesión Social só quedaría dispoñible o 5,71 % do orzamento e o mesmo sucede no departamento de Cooperación, cun 6,11 % e un 4,10 % dispoñibles para subvencións para gastos correntes e para investimentos en concellos, respectivamente.

Cualifica a situación de igual maneira en Cultura e Deporte, onde dun orzamento de 1,8 millóns destinados a subvencionar actividades culturais só quedarían 96.500 euros. Mentres que para dar subvencións a clubs ou asociacións para actividades deportivas só habería en caixa 258.400 euros, dun total de 5,17 millóns.

Doutra banda en Turismo o novo goberno provincial contaría cun total de 79.275 euros para a promoción turística, a asistencia a feiras ou actuacións promocionais, o que supón un 5,42 % do orzamento total destinado a gastos correntes no departamento. E en Infraestruturas, quedarían 493.000 euros para gastos correntes.

"Esta é a xestión que os socialistas cualifican de sobresaliente", incide o portavoz da Deputación defendendo o traballo dos técnicos de Intervención e Tesourería da Deputación porque "de non ser por eles, o estado das contas sería aínda peor".