Jorge Cubela, tras ampliar a súa maioría: "Os veciños devolvéronnos todo o traballo destes anos"

Cerdedo Cotobade
29 de maio 2023

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asegura estar "moi contento" polo amplo respaldo que os veciños do municipio lle outorgaron nas eleccións municipais deste domingo. Non só logrou renovar a súa maioría absoluta, senón que a reforzou

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade / Mónica Patxot

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asegura estar "moi contento" polo amplo respaldo que os veciños do municipio lle outorgaron nas eleccións municipais deste domingo. Non só logrou renovar a súa maioría absoluta, senón que a reforzou.

O PP, que tiña nove edís dos trece edís da corporación, suma unha acta máis. Co 68,83% dos votos consegue dez concelleiros. O PSOE de Ana Couto perde un, quedando con dous; e o nacionalista Ernesto Filgueira renova o único asento que tiña o BNG.

"Eu creo que os veciños nos devolveron todo o traballo destes anos", sostivo Cubela, que afirma estar "moi agradecido" por este respaldo.

Nos últimos anos, segundo o rexedor, "víronnos facendo xestión, conseguindo logros e estando en todos os sitios que había que estar, en circunstancias ás veces terribles".

Tras destacar que o PP fixo unha "boa campaña" e cunha organización "impecable", da que felicita a todo o equipo de goberno e á súa candidatura, Jorge Cubela recoñece que o resultado é, en certa maneira, "algo inesperado".

"Eu o que non quería era baixar. Ese era o punto de presión que lle metía ao meu equipo", subliñou o alcalde, que celebra que os populares recuperasen a Deputación de Pontevedra "e podamos darlle o sentido que tiña antes".