Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, José María González, recibían durante o mércores a Juan José Díaz Jiménez, xefe da Comisaría Provincial de Pontevedra, cargo que ocupa desde o mes de xullo.
Trátase da primeira visita institucional do comisario ao Concello de Vilagarcía e, durante a reunión, analizábase a situación do municipio en canto á seguridade cidadá atendendo ás estatísticas de criminalidade elaboradas polo Ministerio de Interior.
Segundo o Concello de Vilagarcía, tanto os dirixentes municipais como o comisario provincial entenden que é "unha cidade tranquila e segura" en comparación cos datos recolleitos sobre conflitividade e criminalidade noutros municipios tanto galegos como estatais.
Juan José Díaz estivo como máximo responsable durante uns meses da Comisaría de Vilagarcía anos atrás. Este coñecemento directo que existe entre os políticos e o comisario permitiu que a reunión se desenvolvese de maneira distendida.