Kiko da Silva dá a benvida á Semana Grande de Pontevedra

Pontevedra
09 de agosto 2014

As Festas da Peregrina 2014 quedaron oficialmente inauguradas co pregón ofrecido polo debuxante na Praza de Mugartegui. Pontevedra encara un intenso programa de actividades e festexos durante toda a semana

Pregón de Kiko da Silva nas Festas da Peregrina 2014
Pregón de Kiko da Silva nas Festas da Peregrina 2014 / PontevedraViva

A Boa Vila está en festas. O debuxante Kiko da Silva foi o encargado este ano do pregón que inicia a Semana Grande das Festas da Peregrina 2014.

Ante unha poboada Praza de Mugartegui o creador da primeira escola de ilustración de Galicia, O Garaxe Hermético, repasou a historia da banda deseñada en Galicia e a súa vinculación coa cidade, á que chegou no ano 1997 dende Vigo e da que asegura terse namorado porque "un non é de onde nace, senón de onde decide estar".

Kiko da Silva: "Só lle pido ao señor alcalde que teña coidado ao acender o foguete, non vaia a pasar nese intre un paxaro, un avión ou o mesmísimo Supermán".

Kiko da Silva atreveuse mesmo a realizar unha caricatura do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, antes de desexar unhas boas festas a todos os pontevedreses nun balcón no que tamén se encontraban a concelleira de Festas, Carme da Silva, o tenente de alcalde Antón Louro e o voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira.

O ilustrador fixo só unha última advertencia ao rexedor capitalino antes de cederlle a testemuña para o tradicional chupinazo: "teña coidado ao acender o foguete, non vaia a pasar nese intre un paxaro, un avión ou o mesmísimo Supermán".

Lores recolleu a testemuña para berrar un "que comencen as Festas da Peregrina! " co que arranca unha semana de diversión e actividades na cidade de Lérez.