Sen necesidade de chegar a xuízo, nunha vista preliminar celebrada este martes na sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, o procesado J. R. M., coñecido como "o ladrón das lavandarías", aceptou unha condena de tres anos e medio de prisión tras recoñecer a autoría de 17 roubos neste tipo de negocios.
O acusado compareceu en videoconferencia desde o cárcere, onde se atopa en situación de prisión preventiva comunicada e sen fianza por esta causa.
Ademais de confesar ser o autor e aceptar a condena de tres anos e medio, o acusado tamén asumiu a responsabilidade civil nos mesmos termos nos que a expuxo inicialmente a Fiscalía.
A fiscal tan só rebaixou a súa petición inicial de pena de seis anos de prisión por un delito continuado de roubo con forza en local aberto ao público co agravante de disfrace, xa que sempre actuaba "coa cabeza cuberta" xa fose coa capucha ou cun gorro ademais de taparse a cara cunha bufanda cilíndrica de pescozo tipo braga.
Segundo consta no escrito de acusación do Ministerio Público, os feitos producíronse entre o 28 de novembro de 2023 e o 30 de xaneiro de 2024, período no que asaltou polo menos doce lavandarías de autoservizo, algunha delas mesmo en tres ocasións.
Estes golpes foron perpetrados en establecementos da capital, Marín, Sanxenxo, Vilagarcía e Ponte Caldelas, nos que causou cuantiosos danos. As cantidades subtraídas van desde os 60 ata os 1.800 euros e nalgún caso non logrou levar botín algún.
En todos os roubos repetíase o mesmo patrón, tal e como se recolle na investigación levada a cabo pola Garda Civil e a Policía Nacional.
Agora o tribunal ditará sentenza nos mesmos termos nos que hoxe pactaron as partes e este fallo será firme, sen que contra el caiba presentar recurso algún.