A Lama e Cerdedo Cotobade gañan novos espazos para o gando con dous pasteiros de 64 hectáreas

A Lama
20 de xullo 2026

Unhas actuacións que mobilizaron preto de 470.000 euros e permitiron recuperar e acondicionar terreo nos montes de Xesta e Quireza

A Xunta impulsa impulsar pasteiros nos concellos da Lama e Cerdedo Cotobade
A Xunta impulsa impulsar pasteiros nos concellos da Lama e Cerdedo Cotobade / Xunta de Galicia

Os montes da Lama e Cerdedo Cotobade contan xa con dous novos espazos destinados ao aproveitamento gandeiro tras os traballos realizados nos pasteiros da Xesta e Quireza, unhas actuacións que mobilizaron preto de 470.000 euros e permitiron recuperar e acondicionar 64 hectáreas de terreo.

O director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, achegouse este luns ata ambos municipios para coñecer o resultado das actuacións, que incluíron labores de limpeza, preparación do solo, abonado e sementeira, así como a instalación de infraestruturas para facilitar o manexo dos animais.

No caso da Lama, o novo pasteiro sitúase no monte en man común da Xesta e ocupa unha superficie de 33 hectáreas.

A actuación contou cun investimento superior aos 228.500 euros e incluíu traballos de roza mecanizada, preparación do terreo, sementeira e colocación de seis cancelas e dous comedeiros para o gando.

En Quireza (Cerdedo Cotobade), o pasteiro ocupa outras 31 hectáreas e supuxo un investimento de máis de 240.400 euros.

Neste caso tamén se realizaron labores de acondicionamento do terreo e instaláronse tres cancelas para mellorar o funcionamento da explotación.

Estas actuacións buscan facilitar o aproveitamento dos montes por parte dos gandeiros, ao tempo que contribúen ao mantemento de superficies abertas e á prevención de incendios forestais, ao reducir a acumulación de vexetación en zonas de monte.

Os dous proxectos forman parte do Plan de Pastos de Galicia, unha iniciativa posta en marcha en 2020 que permitiu actuar sobre preto de 2.500 hectáreas repartidas en 106 pasteiros, cun investimento global próximo aos 15 millóns de euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora