O narcotraficante Laureano Oubiña foi detido este mércores en Vilagarcía de Arousa e, pouco despois, posto en liberdade, pero coa obriga de volver comparecer nun xulgado cando sexa requirido.
Axentes da Policía Xudicial da Garda Civil de Oviedo foron os responsables do arresto, que se produciu ás once da mañá. A continuación, foi trasladado ao cuartel do instituto armado desta localidade do Salnés, onde prestou declaración e, pouco despois, quedou en liberdade.
Ata este momento, non transcenderon os detalles da investigación que motivou a detención de Oubiña, pero si que se lle atribúen os delitos de tráfico de drogas e pertenza a organización criminal.
A investigación corre a cargo do xulgado de instrución número 4 de Oviedo.
Laureano Oubiña reside no Salnés desde hai meses, pouco despois de que en marzo de 2017 saíse do centro penal de de Navalcarnero (Madrid) despois de que a Audiencia Nacional lle concedera o terceiro grao penal.
O narcotraficante galego quedou en liberdade pola súa idade -71 anos cando quedou en liberdade, 72 na actualidade-, o seu actual estado de saúde e o seu bo comportamento en prisión
Ademais, tívose en conta o escaso tempo que quedaba por cumprir da súa última condena, catro anos e seis meses por branqueo de capitais.