Lavado de cara para o barrio de Monte do Taco

Pontevedra
18 de marzo 2015

Realizáronse na zona traballos de axardinamento, eliminación de barreiras arquitectónicas e recollida de pluviais, dentro do programa +Boavila

Miguel Anxo Fernández Lores e Carmen Fouces visitan os traballos de Monte do Taco
Miguel Anxo Fernández Lores e Carmen Fouces visitan os traballos de Monte do Taco / PontevedraViva

O barrio de Monte do Taco, situado entre a desembocadura do río Gafos e a rúa Rosalía de Castro, pode presumir de lavado de imaxe tras as actuacións realizadas na zona.

Incluídas dentro do programa +Boavila nas últimas semanas realizáronse traballos de axardinamento, adecuación dos espazos comúns, eliminación de barreiras arquitectónicas, colocación de mobiliario urbano, reordenación das prazas de aparcadoiro e mellora na recollida de pluviais.

En todo iso investíronse algo máis de 60.000 euros, dentro dunhas actuacións no barrio que se completan coas realizadas na ribeira do Gafos.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira Carmen Fouces, visitaron este mércores os últimos traballos, que supuxeron "unha mellora ambiental e de calidade dun espazo complexo" que "vai a mellorar moitísimo a calidade de vida deste pequeno barrio", defendeu Lores.