Lavado de cara para o parque de Fonte Santa

Pontevedra
02 de xuño 2024

Segouse a herba, retiráronse entullos, limpouse o mobiliario público, acondicionouse o lavadoiro e, finalmente, mellorouse o parque infantil, sinala o Concello de Pontevedra

Acondicionamento do parque de Fonte Santa, en Mollavao
Acondicionamento do parque de Fonte Santa, en Mollavao / Concello de Pontevedra

A chegada do bo tempo intensificou os labores de mantemento nalgunhas zonas da cidade mirando xa cara ao verán.

Neste aspecto a concellería de Serizos Urbanos Básicos centrou os seus esforzos no parque de Fonte Santa, en Mollavao.

En concreto, sinala o goberno local, operarios municipais segaron a herba, retiraron entullos, limparon o mobiliario público, acondicionaron o lavadoiro e, finalmente, melloraron o parque infantil.

Ademais procedeuse á supervisión da iluminación e dos valos de peche do parque.

Esta zona de descanso e esparexemento contaba tras o inverno coa herba moi alta que impedía o seu uso, o mobiliario público sucio polas choivas e algúns elementos en mal estado. O parque infantil tampouco se atopaba nas mellores condicións.

A mellora do parque de Fonte Santa queda agora pendente de completarse coa instalación dunha nova varanda no perímetro do río e unha actuación na vía de servizo anexa.