"Lavado de cara" para o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral en 2018

Pontevedra
13 de decembro 2017

Estes traballos darán continuidade a unha obra que, segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, era "moi necesaria": a renovación do pavimento do aparcadoiro do Recinto Feiral

Visita de Miguel Anxo Fernández Lores ás obras no aparcamento do Recinto Feiral
Visita de Miguel Anxo Fernández Lores ás obras no aparcamento do Recinto Feiral / PontevedraViva

Vinte anos despois da súa inauguración, o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral de Pontevedra vivirán en 2018 un profundo "lavado de cara". O goberno municipal ultima unha actuación de mantemento que, visualmente, será moito máis notable na fachada dos dous inmobles.

O Concello pretende así darlle lustre ao principal lugar de celebración de eventos culturais, congresos e feiras da cidade. Recoñecen que estas tarefas de mantemento son "necesarias" para, entre outras cuestións, limpar a pedra da fachada, repoñer as pezas que están rotas e retirar o brión e a vexetación que creceu nos seus muros.

Estes traballos darán continuidade a unha obra que, segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, era "moi necesaria": a renovación do pavimento do aparcadoiro do Recinto Feiral.

Nesta mellora, que executa a empresa EC Casas, invístense 240.000 euros e estará concluída antes de que finalice este ano, se as condicións climatolóxicas permíteno.

"Persoalmente era un tema que tiña metido na cabeza", recoñece o alcalde, xa que entende que o seu aspecto actual "daba unha imaxe espantosa"

A obra permitiu eliminar as molestas fochancas que había no aparcadoiro e, ademais, procederase ao pintado das prazas para "aproveitar todo o espazo".

"Persoalmente era un tema que tiña metido na cabeza", recoñece o alcalde, xa que entende que o seu aspecto actual "daba unha imaxe espantosa".

Fernández Lores explicou que, a maiores, esta actuación permite mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria dun ámbito urbano cun notable tránsito peonil, xa que os centros educativos da zona e a actividade do Pazo e o Recinto " moven moita xente".

Así, ampliouse a beirarrúa que linda co aparcadoiro e, do outro lado, construiranse " orellas" nas inmediacións dos pasos de peóns para unha maior seguridade dos alumnos que estudan na Xunqueira.