O legado de Manuel Viéitez perpetúase de forma emotiva no Bosque de Colón en Poio

Poio
23 de maio 2025

Familiares, veciños e o profesor estadounidense John H. McElroy plantaron un novo exemplar en memoria do axente forestal que coidou a maior plantación de sequoias vermellas de Europa

Familiares de Manuel Viéitez plantan unha sequoia
Familiares de Manuel Viéitez plantan unha sequoia / Concello de Poio

O Bosque de Colón en Poio acolleu na mañá deste venres 23 unha emotiva homenaxe a Manuel Viéitez, o axente forestal recentemente falecido que dedicou gran parte da súa vida á conservación deste singular espazo natural.

Nun acto no que participaron familiares, amigos, veciños e representantes institucionais, o Concello de Poio recoñeceu o compromiso e a dedicación de Viéitez coa maior plantación de sequoias vermellas de Europa.

A cerimonia, amenizada pola música do gaiteiro de Portosanto, Óscar Ibáñez, contou coa presenza do alcalde de Poio, Ángel Moldes, o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o profesor estadounidense John H. McElroy,

O norteamericano McElroy, que actualmente supera os 90 anos de idade, foi o impulsor da creación deste bosque en 1992 e viaxou expresamente desde Estados Unidos para participar na homenaxe.

Durante o acto, Eva Viéitez, filla do homenaxeado, xunto cos seus fillos e o profesor McElroy, plantaron unha nova sequoia vermella, a número 501, doada polo Centro de Formación e Experimentación Agraria de Lourizán, simbolizando así a continuidade do legado de Manuel Viéitez.

"Manuel asumiu un compromiso persoal coa conservación e coidado deste lugar máxico, unha plantación única que xa é sinal de identidade do noso pobo", destacou o alcalde Ángel Moldes, quen tamén salientou a paixón de Viéitez polo monte e a súa dedicación a transmitir o respecto polo medio ambiente ás novas xeracións.

O profesor McElroy, artífice da iniciativa que deu lugar ao bosque hai máis de tres décadas, describiu a Viéitez como "unha persoa leal, na que se podía confiar e un erudito no seu campo", engadindo que "imos sentir a súa perda durante moitos anos, por iso debemos recordar como era, coa súa alegría, vitalidade, firmeza, honestidade... Este é o seu legado persoal e profesional marabilloso".

A familia de Viéitez, xunto coas autoridades presentes, descubriron unha placa conmemorativa que reza: "En homenaxe a Manuel Viéitez, que axudou a crear o Bosque de Colón e custodiouno para futuras xeracións. Con eterno agradecemento da veciñanza de Poio e dos homes e mulleres de boa vontade aos dous lados do Océano".

O Bosque de Colón, situado na ladeira sur do Monte do Castro, foi creado para conmemorar o V Centenario da chegada de Colón a América. Trátase dunha plantación de medio milleiro de sequoias vermellas ou californianas (Sequoia sempervirens), consideradas as coníferas máis altas do mundo, que poden alcanzar os 155 metros de altura e vivir ata 2.000 anos.

Este espazo xurdiu como un proxecto de colaboración internacional entre Estados Unidos e España, no que participaron 24 escolares americanos e outros tantos estudantes de Poio, baixo o impulso do profesor McElroy, quen nos anos 60 investigou en Galicia as posibles orixes galegas de Cristóbal Colón.

O alcalde Moldes concluíu o acto expresando que "o compromiso de todos nós debe ser conservar o Bosque de Colón. Esta será a mellor homenaxe que podemos facer a Viéitez e ao profesor McElroy".