Lentes violeta en Cuntis para pensar en igualdade

Umia
06 de marzo 2023

A campaña presentouse este luns no CPI Aurelio Marcelino Rey e durante o martes terá continuidade no centro 'Patelas'. Concluirá o 8 de marzo coa lectura do manifesto diante do Concello de Cuntis

Presentación de 'Miradas violeta', campaña con motivo do 8M en Cuntis
Presentación de 'Miradas violeta', campaña con motivo do 8M en Cuntis

O CPI Aurelio Marcelino Rey acollía este luns a presentación de 'Miradas Violeta', a campaña do Concello de Cuntis para conmemorar o Día Internacional da Muller durante este 2023. 

Escolares de primeiro e cuarto da ESO elaboraron lentes violetas coa axuda de técnicas municipais. Con estes elementos queríase facer socialmente máis visibles situacións de desigualdade entre mulleres e homes.

Con estas lentes preténdese que a sociedade pense en clave de igualdade dentro dunha campaña na que se recollen cincuenta situacións diferentes que mostran á muller en situación de desigualdade.

Ao longo do martes, o centro sociocultural Patelas será escenario dunha actividade coa presentación de 'Instante Gradual', de Kirenia Martínez con danza contemporánea, previa á presentación do taller de danza e movemento que a artista impartirá en Cuntis en colaboración con Leodan Rodríguez e Lía Brea. Comezará este martes 7 ás 17.00 horas. Para participar neste taller é preciso presentar solicitudes no Rexistro do Concello.

A xornada complétase con 'Circo na casa', de Mere Clown e unha sesión matinal do 'Círculo das Emocións', de Marcela Santorum.

Xa o 8 de marzo darase lectura a un manifesto conmemorativo do Día Internacional da Muller na Praza da Constitución a partir das 12.00 horas. O Concello de Cuntis convida á cidadanía para participar na concentración na que se mostrará a pancarta e símbolos relacionados co 8M.