Liberados os tres golfiños atrapados na Toxa

O Salnés
28 de novembro 2021

Culminou con éxito o operativo para liberar aos tres golfiños que estaban desde o mércores atrapados na zona da ponte da Illa da Toxa, baixo o que non se atrevían a pasar. Participaron unhas cincuenta persoas. A estratexia consistiu en cercar aos golfiños ata facelos varar para poder así atrapalos

Liberados os golfiños atrapados na Toxa
Liberados os golfiños atrapados na Toxa / BDRI

Ás cinco da tarde deste sábado culminouse con éxito o operativo para liberar aos tres golfiños que estaban desde o mércores atrapados na zona da ponte da Illa dá Toxa, baixo o que non se atrevían a pasar.

O dispositivo estivo organizado pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Emerxencias e o Concello do Grove. 

Participaron unhas cincuenta persoas. A estratexia consistiu en cercar aos golfiños ata facelos varar para poder así atrapalos e, con axuda de padiolas, transportalos ata o outro lado da ponte da illa.

Despois de tres horas de traballo púidose atrapar a Aquelado, Capitán e Grumete que son os tres exemplares de golfiños adultos que o Cemma xa tiña rexistrados. Unha vez comprobado que o seu estado de saúde era óptimo, os tres golfiños foron liberados no mar.

A intervención non estivo exenta de críticas pois desde o Instituto para o Estudo dos Golfiños Mulares ( BDRI) cualificárono de "innecesario e inútil" e mesmo perigoso xa que, entenden que esta actuación invasiva puido causar danos aos animais ou ás persoas que participaron neste rescate.