Liberan 200.000 euros para demoler os edificios que ocupan a parcela do futuro centro de saúde de Barro

Barro
27 de xuño 2025

O pleno extraordinario da corporación municipal aprobou unha modificación de crédito que permitirá acometer a demolición dos edificios da praza e do xulgado de paz

Centro de Saúde de Barro
Centro de Saúde de Barro

O Concello de Barro acaba de dar o último paso que quedaba pendente para que o novo centro de saúde sexa unha realidade. 

Foi no transcurso do pleno extraordinario da corporación municipal, coa aprobación dunha modificación de crédito de máis de 200.000 euros.

Liberar estes fondos permitirá acometer a demolición dos edificios existentes na parcela onde se construirá o novo centro de saúde: a praza e o xulgado de paz.

A demolición era o último dos trámites que lle corresponden ao Concello para que a Consellería de Sanidade poida iniciar as obras en 2026.

O proxecto xa está redactado e nos vindeiros meses farase a súa adxudicación, pero quedaba pendente este trámite na parcela municipal que se cedeu á Consellería de Sanidade. 

Os 200.000 euros proceden dos aforros municipais e, tal e como informa o Concello, a intervención executarase nos vindeiros meses

Esta modificación orzamentaria permitirá tamén acometer a reparación integral da cuberta da casa consistorial, que presenta importantes deficiencias e filtracións de auga.

A situación actual require unha actuación de maior envergadura para garantir a impermeabilidade e permitir o uso do andar superior.

O xulgado de paz e o rexistro civil de Barro reubicaranse nese andar superior da casa consistorial unha vez estean finalizadas as obras.

Mentres tanto, prestarán servizo de maneira provisional nunha sala de xuntas do propio edificio municipal.