Os Bombeiros de Pontevedra liberaron este mércores a unha persoa, tras quedar atrapada no interior do vehículo despois de envorcar ao seu paso por Lourizán, na PO-11, a coñecida como autovía de Marín, dirección Pontevedra.
Sobre as cinco e cuarto desta pasada madrugada, varios particulares contactaron co 112 Galicia para informar dun coche envorcado na estrada e con posibles persoas atrapadas no seu interior, á altura da fábrica de Ence.
Con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Pontevedra e dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron ao 112 Galicia que foi necesario o uso do material de excarceración para liberar a unha persoa do interior do turismo.