Un home resultaba ferido este sábado ao sufrir un accidente de tráfico cando circulaba co seu vehículo agrícola ao redor das 14.15 horas pola EP-9002, segundo información facilitada polo Servizo de Emerxencias de Cambados.
O accidente rexistrábase na estrada situada entre A Modia e Oubiña, en Vilariño, no municipio de Cambados. O tractor saía da vía por causas que non foron determinadas e envorcaba.
Foi necesario que se trasladasen ata o lugar integrantes da Policía Local, axentes da Garda Civil de Tráfico, membros de Protección Civil e Bombeiros porque o home atopábase atrapado. En calquera caso, non foron necesarios equipos de excarceración para liberalo.
A vítima é un veciño de Cambados, de 41 anos, que sufriu a rotura dun pé e tivo que ser evacuado ao Hospital do Salnés por unha ambulancia medicalizada.