Licitación inminente da obra de construción da rede de saneamento de Reboredo

Umia
02 de novembro 2021

O delegado territorial, Luis López, anuncia a próxima apertura da fase de contratación desta obra cun orzamento de 362.000 euros na Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra, que se realizaba no mediodía deste martes en Campo Lameiro

Integrantes da Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta, en Campo Lameiro
Integrantes da Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta, en Campo Lameiro / Xunta de Galicia

O proxecto de saneamento de Reboredo, en Campo Lameiro, é unha obra destinada ao beneficio de 70 residentes neste lugar da parroquia de Fragas e que terá un orzamento de 362.000 euros. A súa licitación é inminente, segundo anunciaba este martes o delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López.

Esta construción creará unha rede de seis colectores con 1.386 metros de canalizacións. A través deste sistema derivaranse as augas residuais urbanas ata a depuradora da Laxe para que alí sexan tratadas. A Xunta asume o 80% da actuación para unha obra que durará catro meses.

Luis López anunciaba esta próxima apertura da fase de contratación durante a Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra que se desenvolvía por primeira vez na comarca de Pontevedra dentro da fórmula itinerante actual por toda a provincia.

Neste caso, a sesión celebrábase no salón de plenos do Concello de Campo Lameiro.

O representante da Xunta indicou ao alcalde Carlos Costa que esta obra de Reboredo é fundamental para o municipio e nuns días está previsto que se abra o prazo para a presentación de ofertas.

Tamén se analizaron outras intervencións proxectadas pola Xunta neste municipio como a reforma integral do centro de saúde, cun investimento de 94.812 euros, que se recolle nos orzamentos 2022. Tamén se contemplou a colaboración do Goberno galego para a celebración do festival solidario coa illa de La Palma, que se celebrou durante a fin de semana.

Ademais tratáronse outros temas como os investimentos previstos de máis de 97 millóns de euros para a comarca de Pontevedra nos orzamentos para o próximo ano; a nova quenda de vacinación fronte á covid-19 para maiores de 65 anos; e o Bono Cultura, que xa esgotou as 39.000 unidades desde que este martes ofrecíanse ao público. Tamén se analizaron os bos resultados turísticos da provincia nesta primeira metade de outono.