O concelleiro de Urbanismo de Marín, Manuel Santos, informou de que xa está aberta no Portal de Contratación do Estado a licitación para redactar o Plan Especial de Protección para o casco antigo e para Cantodarea, dúas zonas do concello de Marín que, polas súas particularidades, requiren dun especial tratamento a nivel urbanístico para garantir a conservación da súa esencia e do patrimonio.
Tal e como explica Santos, no PXOM xa se recolle a necesidade de crear este plan especial para estas dúas zonas, co obxectivo de marcar as directrices urbanísticas que permitan desenvolver proxectos nelas.
Ata o momento, nestes espazos só está permitido conservar e manter o que xa está construído.
O prazo de redacción do plan é de aproximadamente entre 3 e 4 anos, xa que se vai realizando un plantexamento parcela a parcela, e estímase unha inversión necesaria de 300.000 euros para realizar este labor.
O obxectivo final, tal e como indicou o edil, "é poder seguir desenvolvendo urbanísticamente Marín pero sen perder o foco da nosa arquitectura e fisionomía e respectando a tradición urbanística do espazo histórico e dun barrio tan tradicional e mariñeiro como é Cantodarea".
As empresas que estean interesadas poderán presentarse á licitación ata o 9 de xaneiro.
OFICINA DE TURISMO VIRTUAL
Por outra banda, a Mesa de Contratación do Concello de Marín abriu os sobres das empresas que se presentaron á licitación da nova Oficina de Turismo Virtual que se instalará no novo Auditorio de Marín. En total, presentáronse cinco empresas, cuxas ofertas serán agora avaliadas polos técnicos para escoller á que será finalmente a adxudicataria, seguindo os criterios recollidos nos pregos de contratación.
Este proxecto forma parte do Plan de Sostibilidade Turística e permitirá mostrar Marín como nunca antes. A oficina ubicarase no vestíbulo do futuro Auditorio.
A inversión que se realizará será de cerca de 230.000 euros e o prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas será ata o 9 de decembro, inclusive.