A Xunta de Galicia ven de sacar a licitación, por un importe de 306.000 euros, a redacción do proxecto para a construción de arredor de 40 vivendas de promoción pública na rúa das Cunchas.
O anuncio realizouse este venres durante a sinatura do acordo de cesión dos terreos entre a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
No acto tamén participou o delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.
Martínez Allegue destacou a colaboración do Concello, que cualificou de "xenerosa", ao facilitar solo para promover novas vivendas protexidas nun municipio cunha elevada demanda residencial.
A responsable autonómica explicou que o proxecto incluirá non só os edificios residenciais, situados nunha zona céntrica e moi próxima á praia de Silgar, senón tamén a ordenación urbanística da contorna.

As vivendas, previstas con dous dormitorios, estarán acompañadas dun novo espazo libre de uso público que, unha vez urbanizado, pasará a formar parte do patrimonio municipal.
Pola súa banda, o alcalde puxo en valor a cooperación institucional para facer realidade proxectos deste tipo.
"Cando as administracións facemos un bo traballo, podemos conseguir vivenda accesible nun espazo privilexiado", indicou. Martín subliñou ademais que son poucos os concellos que poden ofrecer terreos públicos tan próximos a unha das praias máis demandadas de Galicia.
A conselleira avanzou que as vivendas estarán destinadas preferentemente a persoas menores de 36 anos inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, que residan ou desenvolvan a súa actividade laboral no municipio, co obxectivo de facilitar a súa emancipación.
A contratación da redacción do proxecto e da dirección das obras foi autorizada esta semana polo Consello da Xunta e xa figura publicada na Plataforma de Contratos de Galicia.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 13 de xullo.

Este proxecto súmase a outra actuación que a Xunta tramita tamén en colaboración co Concello de Sanxenxo. Trátase da construción de 25 novas vivendas públicas en Noalla mediante técnicas industrializadas, nunha parcela igualmente cedida pola administración local.
Este contrato, cun investimento próximo aos sete millóns de euros, espertou o interese do sector, con 13 ofertas presentadas.
Ademais, o Concello adheriuse ao Fondo de Cooperación da Xunta para adquirir terreos en Vilalonga, onde está prevista a creación dun Proxecto de Interese Autonómico que permitirá desenvolver novo solo residencial e ampliar a oferta de vivenda no municipio.