Licitada a ampliación da depuradora de Paxariñas e do emisario submarino de Montalvo por 26 millóns de euros

Poio
19 de abril 2023

A sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES) do Ministerio para a Transición Ecolóxica licitou estas obras de mellora dos sistemas de depuración de Sanxenxo e de saneamento de Raxó en Poio. O prazo da execución das obras da EDAR é de 31 meses, mentres que o prazo de construción do emisario se establece nun ano

Proxecto de reforma da rede de saneamento e depuración, a cargo de ACUAES, que afecta a Sanxenxo e Poio
Proxecto de reforma da rede de saneamento e depuración, a cargo de ACUAES, que afecta a Sanxenxo e Poio

Este martes 18 asinábase a addenda ao convenio vixente para desenvolver a actuación de ampliar a depuradora de Paxariñas en Sanxenxo e do emisario submarino de Montalvo. María Rosa Cobo, directora da sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (ACUES), do Ministerio de Transición Ecolóxica, asinaba o documento con Luciano Sobral e Telmo Martín, alcaldes de Poio e Sanxenxo.

O importe total para acometer as obras ascende a 26,6 millóns de euros, incluíndo o saneamento de Raxó e os sistemas de depuración de Sanxenxo con ampliación do sistema de colectores e de bombeos.

Os prazos de execución das obras da EDAR elévanse a 31 meses, entre os que se inclúen os seis meses destinados á posta en marcha. No caso do emisario submarino, o prazo para acometer os traballos é dun ano.

A Lei de Orzamentos Xerais do Estado do ano 2018 considerou esta intervención como de interese xeral coa intención de resolver os problemas de funcionamento e de capacidade da actual depuradora. O obxectivo final é mellorar o saneamento da ría pontevedresa, segundo indican desde o Goberno estatal.

A ampliación da EDAR contará coa incorporación dun novo pretratamiento con catro liñas de tamizado e desarenado - desengraxado. Ademais, ofrecerá un tratamento biolóxico e decantación secundario cun sistema de desinfección da auga tratada mediante ultravioleta. Por último establécese unha nova liña de tratamento de lodos a través de espesamiento e deshidratación.

Está prevista a construción de novas estacións de bombeo e impulsión en Raxó (Poio) e Areas. Tamén se reformarán as estacións de Sanxenxo e Espiñeiro, coa ampliación de tramos da rede de colectores e impulsores que permitirán conectar estes bombeos coa nova estación depuradora.

Tamén se contempla a creación do novo emisario submarino en Montalvo, con 1.300 metros de lonxitude e 630 milímetros de diámetro, para cambiar o actual. Remodelarase o colector da Avenida de Madrid, situado no municipio de Sanxenxo, e á adecuación da estación de bombeo e impulsión de Laño, en Poio.

Segundo o Goberno, a obra está previsto que se cofinancie polo Fondo Europeo do Desenvolvemento Rexional FEDER, dentro do programa POPE.