Licitan pequenas melloras na estación de autobuses do Grove

O Salnés
08 de abril 2015

Estes traballos, dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, teñen un orzamento inicial de 42.102,12 euros. Nese prezo tamén se inclúen obras similares na estación de Lalín

Autobuses de Autocares Rías Baixas na Estación de Autobuses de Pontevedra
Autobuses de Autocares Rías Baixas na Estación de Autobuses de Pontevedra

A Xunta realizará pequenas obras na estación de autobuses do Grove. O Diario Oficial de Galicia publica este martes a licitación da segunda fase das obras de mellora de accesibilidade, instalacións e sistemas de información destas instalacións.

Estes traballos, dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, teñen un orzamento inicial de 42.102,12 euros. Nese prezo tamén se inclúen obras similares na estación de Lalín. A presentación das ofertas rematará pasados 26 días naturais contados desde o día seguinte da súa publicación no DOG.

No caso do Grove, levaranse a cabo as melloras na accesibilidade que consistirán na reparación de bordos e ramplas na zona de andéns, co que se incluirá unha nova praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, así como sinais verticais e horizontais.

Así mesmo, realizaranse melloras nas instalacións e cambiaranse caneiros e baixantes, polo que se reporá o material en mal estado, respectando calidades e dotando de mellores condicións funcionais a instalación.

Por outra banda, repararanse humidades en distintas zonas, incluíndose a mellora da impermeabilización da cuberta e o falso teito, e arranxaranse as carpinterías exteriores.

Estas obras están incluídas no Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que contempla a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma.

O plan finánciase con cargo ao programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).